Poboado castrexo de Castromaior
O castro de Castromaior é unha xacemento milenario que comprende os restos dun antigo poboado galaico con lixeiras influencias romanas da súa última e breve etapa.
Os restos do castro localízanse no concello de Portomarín e o poboado está repartido entre as parroquias de Narón e Castromaior, da cal colle o nome polo que se adoita denominar.

Unha das particularidades deste castro da Idade de Ferro é que se sitúa aos pés do Camiño de Santiago e por iso é un recurso espectacular para esta etapa que une Portomarín-Palas de Rei. O trazado do Camiño discorre pola estrada que vai cara a Castromaior, pero o trazado antigo pasa directamente por un dos fosos do castro.

A diferenza doutros castros que aproveitaban as defensas naturais que lles proporcionaba o terreo, tales como ríos ou ladeiras de montañas, o castro de Castromaior localízase nun terreo suave e por iso os seus poboadores tivéronse que esmerar para construír unha serie de defensas ao redor do poboado, como grandes fosos e murallas.

A orixe do castro e a súa etapa de máis esplendor pérdense entre os séculos V-IV a. C. Mantívose habitado ata pouco despois da chegada dos conquistadores romanos.

Son 43.000 metros cadrados os que definen a superficie habitable. O recinto consta dun principal de forma circular na parte alta ao que se lle unen outros cinco. Todos eles rodeados con murallas e outras estruturas defensivas.

Por sorte, o castro foi obxecto de varias escavacións arqueolóxicas e obras de recuperación que puxeron á vista unha boa cantidade de vivendas e outras dependencias.

Este castro de Castromaior é sen dúbida un recurso único na comarca que debe ser valorado. Hai plans dun centro de interpretación nas inmediacións do xacemento castrexo.

Comentarios
Publicar un comentario