A lendaria Pedra da Serpe de Corme

 A Pedra da Serpe de Corme é un dos monumentos rupestres máis representativos de Galicia. A pesar da súa sinxeleza, espertou unha gran curiosidade de historiadores e arqueólogos ao longo dos últimos séculos. Trátase dun exemplo único en toda Europa Occidental, un relevo "vivo" da historia de Galicia.

A Pedra da Serpe localízase no concello de Ponteceso, na parroquia de Corme Aldea, nun lugar de posible topónimo de orixe xermánica, o lugar de Gondomil. 

Trátase dunha roca granítica no que se labrou a figura dunha gran serpe alada, algo que a fai única e excepcional. Séculos despois, o lugar foi cristianizado coa colocación dunha cruz sobre a mesma pedra. Esta cruz non é a actual, senón contemporánea, pois a orixinal xa non se conserva, xa que foi derrubada accidentalmente.

A pesar das numerosas hipóteses sobre a cronoloxía desta curiosa pedra, aínda ninguén o ten claro e todo son especulacións. Escoitarás que este culto á serpe pérdese en tempos remotos, antes mesmo do inicio da cultura castrexa, pero ninguén o ten claro. A proba dese culto á serpe reflíctese, por exemplo, en lugares como o Castro de Troña, Valga ou mesmo en diferentes monumentos megalíticos. Pero esta  Pedra da  Serpe podería ser galaica-romana,  sueva ou mesmo pertencer á  mesma Idade Media.

Ritos sobre a fecundidade, gardián de tesouros, curacións, eternidade, representación do demo... quen sabe, todo é válido. Para ver con claridade a serpe e as súas ás, deixámosvos esta ligazón onde poderedes ver fotografías para apreciar mellor estes detalles, pois as nosas fotos non reflicten en condicións o gravado.


Por suposto que esta curiosa pedra da serpe de Corme non está exenta de lendas. Unha delas cóntanos que unha praga de serpes arrasou a comarca. Chegou Santo Adrián, que co súa fe e un gran  pisotón no chan, provocou que desaparecesen todas e quedasen baixo a mesma Pedra da Serpe.

Moi preto, na praia da  Ermida, contan que aínda se poden ver os tocos de árbores pertencentes á lendaria aldea desaparecida de Valverde, vila que foi queimada polos romanos para acabar coas serpes.

Bibliografía

Máis fotos

Mapa - Localización

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Insua dos poetas, un paque temático para o Galego no Carballiño

Foxo do Lobo de Laxoso, Lobeira de Laxoso | GALICIA MÁXICA