Igrexa de San Martiño de Lalín de Arriba | GALICIA MÁXICA

Lalín de Arriba (San Martiño) é unha das máis de cincuenta parroquias que o concello de Lalín conta dentro dos seus límites. Localízase xunto ao núcleo urbano da vila e a súa igrexa monacal é considerada un das orixes de Lalín. Hoxe en día consérvase unha igrexa con grandes trazos románicos cuxo orixe se remonta ao século X. Dita igrexa pertencía a un mosteiro benedictino fundado polo bispo de Mondoñedo Arias Peláez cara ao último cuarto do século X. Tratábase dun mosteiro mixto con abade e abadesa.



Nun documento do ano 1019 menciónase a existencia dunha igrexa prerrománica e fálase da presencia dunha reliquia de San Martiño, a cal daría gran categoría a este cenobio que atraería a numerosos fieis. Lalín xurdiría a par do mosteiro para dar servizo a leste. O cenobio servía para dar acubillo e alimento aos peregrinos que se achegaban polo hoxe chamado Camiño do Inverno, que proviña de Rodeiro e que se dirixía a Santiago.



Na mesma idade media o mosteiro de San Martiño xa deixou de existir e é posible que a igrexa románica actual xa fose mesmo posterior. Esta continuou ata finais do XIX como igrexa parroquial ata ser substituída pola veciña igrexa contemporánea de Nosa Señora das Dores.

A igrexa actual é románica de planta rectangular e dunha soa nave e unha ábsida coa típica sancristía engadida no século XVIII. Ten xanelas abucinadas e conserva dúas portas. A do norte aínda mantén a súa traza primitiva e a outra está modificada. Cóbrese con madeira no interior e ten un arco triunfal de medio punto algo peraltado.



A ábsida é rectangular e ten unha xanela de arcos semicirculares sobre columnas acobadadas debaixo da cal hai unha inscrición gótica que nos segundo Ramón Aller conta:
"ERA DE 1485. HACIA 980 FUNDÓ EL MONASTERIO DE SAN MARTÍN DE LALÍN, EL OBISPO DON ARIAS PELAEZ, SEGÚN EL TESTAMENTO DE SU SOBRINA DOÑA ADOSINDA, FECHADO EN 1019".

Poderemos ver unha boa colección de canzorros e numerosos símbolos de canteiros nos sillares dos muros.



A portada principal é abucinada, con tímpano liso sobre mochetas de figuras animais. Coroa a fachada un posible campanario románico formado por un arco de medio punto.

Máis fotos aquí







MAPA - LOCALIZACIÓN


Comentarios

Publicacións populares deste blog

A lendaria Pedra da Serpe de Corme

Insua dos poetas, un paque temático para o Galego no Carballiño

A Cidade dos Mortos das Costas do Alén