Santuario de Nosa Señora de Areas | GALICIA MÁXICA

Habería que profundar máis na procura de información sobre este santuario pois case non existe pegada dixital deste templo na rede e na páxina do concello de Cenlle tan só é nomeado brevemente. Tentaremos descubrir algo sobre a devoción e a orixe deste santuario.



Sabemos que nos atopamos na antigamente chamada "Terra de Castela" un topónimo cuxo orixe se perde no segundo lustro da nosa era. Por iso non poderemos pensar en castelos medievais e por tanto habería que buscar a súa orixe noutro tipo de asentamentos, probablemente naqueles que os romanos denominaban "castellum", diminutivo de "castrum". Aquí poderedes saber algo máis sobre este topónimo: https://sites.google.com/site/frutosribeiro/castela



E é concretamente un castro o que parece ser a orixe deste santuario barroco de Nosa Señora de Areas. O templo sitúase xunto a unha pequena lomba de 220 metros de altura desde o que divisaremos Ribadavia e o mesmo val do Avia. Esta lomba parece ser que albergou un asentamento castrexo como parece que o demostra o seu relevo e os fosos que o rodean.



Xa coñecemos sobradamente a teima da relixión cristiá de santificar e sacralizar todos aqueles lugares que ocultaban misterios da historia antiga e que xunto a eles sempre ían unidas lendas e mitos difíciles de esquecer pola poboación local.



O que está claro é que a finais do século XVIII erixiuse aquí xunto ao castro un gran templo barroco axudado polas ganancias que achegaba o cultivo e o transporte do viño na comarca do Ribeiro. Unha inscrición sobre unha xanela abucinada da ábsida rectangular fálanos do ano 1791 e cóntanos o seguinte: "Hízose en devoción do Sr Ramiro Lorenzo e máis devotos sendo abade Don Pº Cardona ano de 1791". Trátase dunha igrexa de estilo barroco en cuxa fachada se levanta un robusto campanario con balconada. Cóbrese con tella a dúas augas e a súa ábsida levántase por encima da planta principal.

Un atrio rodea toda a igrexa así como un palco branco para a orquestra de época contemporánea.

A festa do santuario se celebra o domingo e o luns de Pascua.

Máis fotos aquí







MAPA - LOCALIZACIÓN

Comentarios

Publicacións populares deste blog

A lendaria Pedra da Serpe de Corme

Insua dos poetas, un paque temático para o Galego no Carballiño

A Cidade dos Mortos das Costas do Alén