Pontella de Salcedo | GALICIA MÁXICA

San Bernabé da Graña - Salcedo


En Galicia consérvanse centos de pontes artesanais que denominamos "pontellas". Estes eran sinxelos pasos de pedras creados polos veciños do lugar, pois non precisaban de abundante man de obra e nin sequera de enxeñeiros cualificados. Por iso habitualmente eran empregados en rutas locais de pastoreo e agricultura aínda que tamén moitos eran aproveitados polas rutas de transporte de gran percorrido que unían as comarcas galegas. Debemos saber que por Covelo transitaban varias rutas de arrieros e que aínda se conservan espectaculares pontes do século XVIII. Ademais sabemos que Covelo era berce de numerosos arrieros e de grandes comerciantes. Moi preto de leste, sobre o río Tea, atoparémonos con Ponte Abuíña.


O noso interese nesta pontella reside no seu estado actual, pois practicamente atópase derruido. Por iso quixemos deixar constancia desta na nosa web co fin de non esquecer este elemento patrimonial que a punto está de desaparecer se ninguén o remedia.
Trátase dunha pequena ponte localizada en Salcedo duns dez metros de longo que cruza o denominado río Fontoira, ás veces chamado tamén Lafanteira, un pequeno río afluente do Tea. A súa calzada composta de longas laxas está practicamente destruída e ás súas bases non queda moito. A vexetación invádeo todo e as súas raíces ameazan con tragar o pouco que queda. Tampouco se aprecia camiño de tránsito e iso que sobre o mapa topográfico un gran camiño parece cruzar o río.


Sabemos que é difícil manter todas as pontes e pontellas de Galicia pero cremos que cada parroquia e municipio deberían facer un pequeno esforzo para o seu mantemento e conservación, xa que son unha proba do desenvolvemento e progreso comarcais durante a historia moderna.


Máis fotos aquí







MAPA - LOCALIZACIÓN

Comentarios

Publicacións populares deste blog

A lendaria Pedra da Serpe de Corme

Insua dos poetas, un paque temático para o Galego no Carballiño

A Cidade dos Mortos das Costas do Alén