Igrexa de San Salvador de Meis | GALICIA MÁXICA

Meis ocupa o corazón do Salnés, hoxe día o corazón do albariño, esa prezada uva que fai as delicias dos máis exquisitos padais. A sempre asollada zona de Meis e a súa proximidade ao mar fan desta uva unha das mellores brancas para a elaboración de viño branco. A riqueza que trouxo a uva a diversos puntos de Galicia provocou que moitos templos fosen reconstruídos e reconvertidos en igrexas barrocas nos séculos XVII e XVIII. Con todo en Meis aínda conservamos un bo número de templos con marcado acento románico. Exemplos destes son Armenteira, a igrexa de Santa María ou a de San Martiño. Aquí, en San Salvador de Meis tamén temos outro templo de orixe románico.


Se circulamos pola autovía do Salnés sempre nos chamará a atención a silueta coa fachada románica desta parroquia.
Trátase dunha igrexa dunha soa nave cunha gran ábsida cadrada que conta cunha bóveda de canón e un arco de triunfo que os separa. Aínda que a súa orixe pérdese no século XII a igrexa sufriu numerosas reconstrucións posteriores, tanto no século XVI e no XVIII. Unha inscrición na fachada márcanos a data de 1737, probablemente data de reconstrución barroca.


A fachada ábrese cun arco de medio punto sostido con dous pares de columnas con capiteis de motivos vexetais. As mochetas sosteñen un tímpano na que se debuxa unha cruz de Xerusalén. Dous contrafuertes separan en tres tramos a fachada e no seu lado esquerdo levántase a torre campanario barroca. No muro sur ábrese un sinxelo arco románico lixeiramente apuntado con escasa decoración. No interior existe un retablo construído en pedra e que forman diversos arcos e columnas imitando ao románico.


Con todo o máis destacable do conxunto non se atopa na mesma igrexa senón nas súas inmediacións. No atrio e embebidos nunha parede existen catro baldaquinos góticos que probablemente proveñan do antigo templo e que hoxe tres deles decoran unha sinxela fonte. Neles represéntanse a Santiago Matamoros, o nacemento de Cristo, a adoración dos Reis e o descenso da Cruz.








Ao redor da igrexa localízase un vía crucis barroco.

Máis fotos aquí







MAPA - LOCALIZACIÓN

Comentarios

Publicacións populares deste blog

A lendaria Pedra da Serpe de Corme

Insua dos poetas, un paque temático para o Galego no Carballiño

A Cidade dos Mortos das Costas do Alén