Fervenza de Ézaro | GALICIA MAXICA

(Máis fotos aquí)


Encontrámonos ante un lugar único na península. Un lugar que no pasado século XX o río Xallas vertía, impetuoso, as súas augas pola fascinante Fervenza de Ézaro. Todo un espectáculo da natureza. Quizais non sexa o único que desemboca sobre o mar en fervenza de Europa, xa que nas terras dos fermosos fiordes e en Escocia existen algún que outro regato que tamén o fai. Mesmo nas Illas Faeroe temos un caso similar. Pero todos eles, pequenos e ocasionais regatos. Podemos afirmar que, o Xallas, é o río de máis caudal que así o facía nun pasado.




Fervenza de Ezaro

 Pero desgraciadamente, o que o facía único en Europa e en medio mundo era que a auga da súa canle caía pola fervenza ao mar só ocasionalmente e tan só cando a acción do home o desexaba. Tristemente o discorrer libre das súas augas foron truncados para sempre pola construción, a mediados do século pasado, dunha serie de encoros e saltos hidroeléctricos no curso fluvial do fermoso río Xallas. Debido á presión dalgunha organización conseguiuse que o último encoro liberase unha pequena parte das súas augas en determinados días e determinadas horas, coma se dunha proxección cinematográfica se tratase. Mesmo o presidente da Xunta nos inicios do presente século se atreveu a "inaugurar" afervenza nun acto institucional. Dende aquela, a desembocadura da auga do riu mantívose suxeita ao simple movemento dunha panca ou á presión dalgún botón. Pero en Abril do 2011, grazas a unha denuncia de grupos ecoloxista como Ríos con Vida, conseguiuse que a auga volvese descender continuadamente outra vez, aínda que por desgracia será un chamado "caudal ecolóxico", que non é máis que a corrente da auga necesaria para que o río recupere minimamente a súa vida. Pero, en fin, polo menos o Xallas é algo máis libre. Para beneficio de todos e da natureza, xa non teremos que gardar cola nin estudar horarios de apertura para poder ver como se mesturan en forma de fervenza as augas doce do río sobre as salgadas augas do mar.




Deixando a un lado este desastre ecolóxico, entre as vilas de Ézaro e O Pindo encontrámonos ante unha pequena pero fermosa ría que forma unha baía protexida das terribles tempestades da Costa da Morte. Ao fondo deste entrante mariño encóntrase, cando o deixan ver, o espestacular Salto do Ézaro. As súas augas precipítanse dende as comportas do encoro de Santa Uxía a unha altura de 200 m e se deliza sobre un chan rochoso formado polas faldras do Pico Peñafiel e de Alto Furado, ambos os dous de 394 m. En pouco máis de 1 km chega ao salto final, onde as súas augas se mesturan co mar en forma de magnífica fervenza que cae dende 40 m.






Na baía encóntrase un pequeno embarcadoiro e as instalacións da antiga Fábrica de Luz, que transformaba en enerxía as poderosas forzas da caída das augas. Consérvanse uns horrorosos tubos que descenden dende o alto no lado norte e chegan ata as instalacións da fábrica. Actualmente estanse a crear plans para converter estás instalacións nun museo onde será protagonista a transformación da enerxía e a electricidade.

Non podedes marchar sen visitar o próximo mirador de Ézaro para poder gozar dunha das mellores paisaxes de Galicia.


Localización - Mapa


Comentarios

Publicacións populares deste blog

A lendaria Pedra da Serpe de Corme

Insua dos poetas, un paque temático para o Galego no Carballiño

Foxo do Lobo de Laxoso, Lobeira de Laxoso | GALICIA MÁXICA